Máis diñeiro europeo para que Turquía faga de tapón

A UE pagará 3 mil millóns de euros a Ankara para que free a entrada de persoas refuxiadas e acelerarán a súa adhesión á comunidade.

Cimeira Turquía UE [Imaxe RTVE]Cimeira Turquía UE [Imaxe RTVE]
D.A.

 

 

Turquía e a UE reuníronse en Bruxelas nunha cimeira bilateral na que se abordou a hipotética adhesión do país á Unión e demais contra-prestacións que os 28 lle ofrecen a cambio de que se torne nun tapón para a entrada de persoas refuxiadas.

« Somos unha nación europea. O futuro do continente perténcenos », dixo Ahmet Davutoglu, primeiro ministro turco antes do encontro. Neste senso, a UE ofrécelle acelerar a súa incorporación –conxelada desde 2004– se Ankara se compromete a frear a maré de persoas que están a cruzar as súas fronteiras fuxindo das guerras –procedentes de Siria, Afganistán e Iraq, principalmente. No que vai de ano as autoridades comunitarias cifran en 700 mil as chegadas.

« Turquía ten todo o dereito de agardar o seu ingreso na UE (…) sempre que contribúa a solucionar a crise de refuxiados », dixo Angela Merkel. Así mesmo, Alexis Tsipras, fiou o futuro político turco nunha Unión ampliada á certeza de que as súas « autoridades » fan « o posíbel por frear eses fluxos », dixo.

 

Ankara pide libre circulación na UE para a súa cidadanía

 

A cambio tamén recibiría 3 mil millóns de euros. Unha cifra que xa avanzara a chanceler alemá na súa visita a Turquía hai un mes para abordar esta mesma cuestión.

Para alén disto, o goberno turco exixe a libre circulación da poboación turca dentro do espazo Schengen. Algo que os socios comunitarios non ven, cando menos non sen o compromiso de que Ankara acollerá todas as persoas que, embora accederen a algún dos territorios da Unión, non contan con asilo. Até o momento, Turquía conta con 2 millóns de refuxiad@s.

Porén, outros son os puntos de conflito nas negociacións. Chipre exixe a retirada de Turquía da parte norte da súa illa. Asemade, a xefa de diplomacia comunitaria, advertiu que a adhesión do país non será posíbel se non cumpre cos criterios de Dereitos Humanos, liberdade de imprensa e se non retoma o proceso de paz co pobo curdo. Algo que desde Turquía non está entre as súas prioridades.

 

D.A.

 

Source: http://www.sermosgaliza.gal

 

Sermos Galiza (Portugal)

Commentaires