NON VAI SER CONSTRUÍNDO RAÑACEOS COMO VAI MUDAR A IMAXE DE ÁFRICA – Edwige Renée Dro: a escrita na perspectiva do compromiso

Se pensarmos en escritora africana, menor de 40 anos, con produción en francés e inglés, crítica co papel das potencias Occidentais en África, o resultado é Edwige-Renée Dro.

 

[Imaxe: Ángeles Jurado Quintana] Ewige René[Imaxe: Ángeles Jurado Quintana] Ewige RenéXOÁN COSTA 

 

Edwige naceu na Costa de Marfil. Estudou en Inglaterra e voltou para a África. Defínese como unha retornada ao país natal. Forma parte dunha xeración de escritoras africanas que se distancian e son críticas co modelo cultural que se está a implantar na África.

« Cando nos dedicamos a demostrar que tamén temos praias bonitas, e grandes edificios, e supermercados con queixos e viños, paréceme que o que temos é un complexo. Temos cousas que nos son propias. Coñezámolas e asumámolas”.

Nunha charla da iniciativa TED, escenificada en Adbidjan, defínese, ironicamente, como un dos valores da nova xeración de escritoras africanas, mais matiza “se somos a nova xeración e ninguén nos coñece, temos un problema”.

 

Forma parte do proxecto África 39, unha iniciativa do que é considerado, polo menos polas súas repercusións mediáticas, un dos mellores festivais de literatura do mundo

 

Forma parte do proxecto África 39, unha iniciativa do que é considerada, polo menos polas súas repercusións mediáticas, un dos mellores festivais de literatura do mundo, o Hay Festival of Literature and the Arts Limited (Hay) e do Bloomsbury Publishing Plc (Bloomsbury). O resultado foi unha antoloxía de historias ou extractos de novelas, escritos orixinalmente en inglés, francés, portugués e algunhas linguas africanas. Dos 39 autores de 17 países que participan na selección, 9 son nixerianos, seis kenyanos, catro surafricanos, tres escritores de Ghana e tres de Uganda. Na escrita predomina o inglés e entre os escritores lusófonos achamos, se non contei mal, dous: Eileen Barbosa (Cabo Verde) e Ondjaki (Angola). Os 39 escritores -menores de 40 anos- son oriúndos da África subsahariana ou da diáspora. De acordo cos promotores, os escritores e escritoras escolleitos teñen o potencial e o talento para definiren as tendencias que han marcar o desenvolvemento da literatura nunha determinada lingua ou rexión. Foron publicados, en inglés, en outubro de 2014.

 

Edwige-Renée Dro cre que a literatura africana xa está a ser recoñecida mundialmente – aí están varios nobel nos derradeiros anos- mais pensa que iniciativas como África 39 dan xogo a outras voces, a outras historias contadas “por autores que residen no continente, que coñecen a dura realidade da vida aquí” fronte á literatura africana que circula polo mundo e presenta África a través de autores que residen fóra.

 

Edwige-Renée Dro acredita no compromiso, na militancia política, na denuncia, na literatura combativa

 

Edwige-Renée Dro acredita no compromiso, na militancia política, na denuncia, na literatura combativa. E cita o nixeriano Ken Saro-Wiwa, executado polo goberno de San Abacha, despois dun xuízo-farsa, por se ter enfrontado á multinacional petrolífera Shell: « Para un escritor na miña situación a literatura debe ser combativa… O escritor ou a escritora debe estar activamente implicado na transformación do presente e do futuro da sociedade ». E o seu perfil nas redes sociais está inzado de referencias a Thomas Sankara, alcumado « Tom Sank » e considerado por algúns como o Che Guevara de África polos seus revolucionarios programas de autosuficiencia africana, unha alternativa desafiante ás estratexias neoliberais impostas por Occidente que o transformaron nunha icona para moitos dos pobres de África e o levaron a ser deposto e asasinado nun golpe de estado en 1987 que contou co apoio do goberno francés.

 

Máis o compromiso non limita a temática: » Podemos escribir sobre o que quixermos máis sempre nunha perspectiva de compromiso ». Edwige escribe en francés e inglés e participa en actividades literarias en ambas esferas. Nas súas palabras está sempre presente a idea de compromiso é acredita en que a literatura non se pode afastar da realidade. Ten unha visión crítica da relación entre Europa e África: « Temos de criticar os nosos gobernos, claro, mais cando o que os occidentais din é falso temos que os abordar a eles. Preséntanse como os grandes defensores dos dereitos humanos. Daquela, que os apliquen, que dean a asistencia necesaria a aqueles que están en perigo ».

 

A escritora reivindica as linguas nacionais africanas

 

Edwige móstrase reivindicativa coas linguas nacionais africanas cando afirma: « temos que traballar sobre as nosas identidades … iso pasa necesariamente por un acceso a linguas como o inglés ou francés a pesar de que continúan perpetrando a colonización … mais é preciso achar un mecanismo para obrigar os estados a comunicar nas linguas de cada un de nós”.

 

A escrita de Edwige non se limita á creación literaria. Tamén os artigos de ensaio forman parte do seu activismo como escritora. Nun deles, de onde están extraídas algunha das frases anteriores e publicado en L´Obs (nome actual de Le Novel Observateur) entra de cheo no asunto “poverty porn”, isto é, aqueles medios de comunicación que explotan imaxes da pobreza para xerar simpatía e vender. Mais acrecenta, “nós somos responsábeis do poverty porn” pois nin os Estados Unidos nin a Europa son uns “eldorados” e cando os africanos “se ollen nun espello, deben verse tal como son e deixarse de fantasmar sobre a vida do home branco”. Como esta son moitas as voces que hoxe se levantan en África. Voces pesimistas? Non, simplemente voces que pensan que “non vai ser construíndo grandes rañaceos e estradas como vai mudar a imaxe de África”

 

Case estou por pensar que algunhas destas ideas se poden aplicar á Galiza.

 

XOÁN COSTA 

 

Source: http://www.sermosgaliza.gal

 

Sermos Galiza (Portugal)

Commentaires