Cinco presuntos terroristas mortos e seis civís feridos na localidade catalá de Cambrils

Os Mossos abateron estas cinco persoas de madrugada cando intentaban realizar un novo ataque terrorista cunha fugoneta no paseo portuario desta localidade de Tarragona, ateigado de xente, replicando así o sucedido en Barcelona horas antes, onde faleceron 13 persoas e máis de 80 resultaron feridas nun atropelo masivo.

 

2017081807405642289

 

Os Mossos de Esquadra mataron esta madrugada cinco presuntos terroristas na localidade de Cambrils cando se dispoñían a protagonizar un novo ataque terrorista após o atropelo masivo que na tarde deste 17 de agosto matou 13 persoas en Barcelona e deixou máis de 80 feridas, 15 delas de gravidade.. O Fiscal Xefe da Audiencia Nacional negou que os terroristas de Barcelona e Cambrils tivisen antecedentes terroristas.

 

Estes cinco presuntos terroristas irromperon após se saltar un control sobre a unha e media da madrugada no paseo de Cambrils, ateigado de xente, nunha furgoneta branca e con cintos explosivos simulados. Coa furgoneta atropelaron varias persoas e un deles chegou a acoitelar un viandante antes de ser abatidos polos Mossos. Hai seis civís feridos.

 

Este ataque tivo lugar horas despois do atropelo deliberado e masivo nas Ramblas de Barcelona que causou a morte no mínimo de 13 persoas e que foi reivindicado por DAESH. A Policía confirmou a morte nun tiroteo dun dos sospeitosos fuxidos e hai outras tres persoas detidas en relación a este atropelo. Ademais, continúa a procura do condutor da furgoneta, que fuxiu a pé após o atropelo. Estase a estudar se pode ser algún dos terroristas abatidos en Cambrils.

 

Estas horas de terror en Catalunya teñen un terceiro vértice, Alcanar, localidade do sur do país. O estoupido nun piso na noite da cuarta á quinta feira que matou unha persoa e feriu varias, e que nun principio a Policía relacionou cun laboratorio de dorgas, tería a ver cos terroristas. Os Mossos cren que nesta vivenda estábanse a elaborar bombas coas que atentar.

 

Solidariedade desde Galiza

 

Autoridades e políticos galegos trasladaron a sía solidariedade para co pobo catalán a raíz do atentado terrorista. O presidente da Xunta e do PPdeG enviou unha mensaxe de « solidariedade para coas vítimas de Barcelona e o meu apoio e confianza nas administracións que traballan neste duro momento ». Os socialistas galegos expresaron « o noso apoio ás familias e parentes das vítimas e aos que loitan contra o terror ». En Marea quixo amosar o seu « apoio e solidariedade » co pobo de Barcelona « neste momento de dor e incerteza ».

 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, enviou todo « apoio e solidariedade » de Galiza ao pobo catalán e afirmou estar « conmocionada polo acontecido en Barcelona. Toda a solidariedade coas vítimas e co pobo catalán nun momento tan duro ».

 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega: « Toda a miña solidariedade dende Compostela coa cidade irmá de Barcelona e a súa xente,vítimas dos embaixadores do medo nun mundo inxusto »

 

 

Redacción

 

Source: http://www.sermosgaliza.gal

 

Sermos Galiza (Portugal)

Commentaires